Saturday 04 de May de 2024

O Concello abre o luns a inscrición para un novo percorrido guiado pola “Ruta dos muíños”


O Concello organiza a próxima semana, no marco do programa turístico “Descubrindo Neda”, unha nova saída guiada pola “Ruta dos muíños”. A iniciativa terá lugar o mércores 7 de setembro, e as persoas interesadas poderán apuntarse, totalmente de balde, dende o luns.

O percorrido, que partirá do adro da Igrexa de Santa María (o punto de encontro será o cruceiro) ás 17.30 horas, chegará ata o coñecido muíño da Barcia, cuxas instalación poderán visitar as persoas que participen, antes de recuncar ata o punto de orixe.

Serán en total 10 quilómetros de percorrido, case sempre á beira do río Belelle, que permitirán aos camiñantes empaparse da historia da vila, observando os numerosos muíños construídos xunto ao curso fluvial (uns fariñeiros e outros utilizados como fábrica de papel) e descubrir de onde ven a tradición panadeira da vila, grazas ás explicacións da técnica municipal de Turismo.

Para inscribirse haberá que chamar a partir do luns ao teléfono do 682623335 (de 10:30 a 15 h) ou mandar un correo electrónico a maria.fornos@neda.gal.

Sinalan dende a Concellería de Turismo que a duración aproximada da ruta será de tres horas, e recomendan aos participantes levar un calzado adecuado para camiñar, tendo en conta que hai treitos de terra que van pegados ao río.